DÍA 1: COMEZAMOS A AVENTURA

Hoxe levantouse o telón e comezou a rodaxe máis esperada do verán! As novas estrelas da nosa gran superprodución chegaron ao campamento, cada unha cun papel por descubrir. Algúns viñan radiantes e con moitas ganas de entrar en escena, outros algo máis reservados… e incluso houbo quen sentía certa nostalxia, pois esta será a súa última estrea connosco.

Nada máis chegar, asignámoslles o seu camerino (ou mellor dito… a súa tenda 😉), colocaron todo o seu atrezzo (as pertenzas) e comezaron a coñecer o gran set de rodaxe: o equipo técnico e artístico, así como o resto de actores e actrices que compartirán esta aventura.

Co reparto xa reunido, presentamos o guión da película: descubrimos a trama desta nova quenda, repasamos as normas de rodaxe e, por suposto, fixemos a primeira proba de cámara… ou, neste caso, unha proba de acción acuática! 🏊‍♂️

Achegámonos á calita para comprobar que todos se desenvolvían con soltura no medio acuático e, podemos dicilo ben tranquilos, todos superaron o reto cunha interpretación digna de Óscar. Menos mal que o casting foi todo un éxito! 😏

E cando parecía que xa rematara a xornada… chegou unha sorpresa de última hora: incorporáronse os 25 rapaces e rapazas procedentes de Cantabria, completando así o reparto desta gran película.

Xa coa compañía ao completo, celebramos unha cea de gala e puxemos o broche final ao día coa primeira actividade nocturna, un momento perfecto para empezar a crear a maxia, as amizades e as historias que nos acompañarán durante toda a quenda. 💫

Agora si… as cámaras xa están listas, o claquetazo está dado e a película acaba de comezar. Mañá descubrirémonos que novas escenas nos agardan!






















Comentarios